26/12/07

Nadal, aínda.


Na miña Vila hai un Belén moi bonito. Deses nos que o pescador está eternamente sentindo trabadas na cana e mesmo ten unha nube da que chove a auga que alimenta o río, e ben nos viría a nós este seco inverno. Ocórreseme que non estaría mal facer un Belén da vida real para mirarnos nel de vez en cando e ver o absurdos que con frecuencia resultamos; para ver a pinta de caricaturas que amosamos sen necesidade de que nos caricaturicen.
Pero é que eu teño unha tendencia natural á mirada absurda e surrealista. De sempre foron esas correntes que sentín moi preto da miña ideoloxía ou, cáseque mellor, da miña forma de ver a vida, que non soa tan dogmático. E, anque facer do surrealismo unha arte non é doado, cada vez me resulta menos difícil imaxinar situacións surrealistas cando observo o mundo real. Por exemplo, é escoitar a algún político falar (os da dereita soen funcionarme mellor para estes trances) e poñerme a velo baixo o prisma do absurdo. Non me dirán que a melena de Aznar, mesturada co seu bigotiño, mentres dá unha conferencia en Georgetown non é, xa en por si, puro surrealismo. Non quero nin imaxinar esceas privadas del e máis do seu amigo George. O malo é que esa xente ten o poder de matar xente e provocar máis miseria da que xa tiñamos, do contrario serían para escachar de risa. É por iso que prefiro observar o absurdos que poden chegar a ser personaxes máis cercanos e inofensivos para a saúde dos meus conxéneres.
O certo é que desde que sabemos que o futuro do planeta se nos está a ir das mans, todo parece aínda máis surrealista. Non é absurdo non ceder un ápice en temas como a soberanía dunha suposta nación que inventaron hai cento e pico de anos os iluminados que seguiron as teorías do Volkgeist? Non é absurdo tomalo todo tan en serio como para que un rapaz, que non nacera aínda cando morreu a ditadura, chegue a dicir frases do tipo mellor morto ca español? Que pode haber nesas cabeciñas senón moito odio irracional, orientado cara o eido da política como o puido ser cara o fútbol se lles tivese gustado? Por que unha bandeira, un himno, un escudo poden aínda ser motivo de liorta cando sabemos que, ou moito cambian as cousas, ou nos quedan catro días como especie?

5/12/07

Dun marabilloso mundo a un mundo perfecto

Cantaba Louis Armstrong, aló polos anos 60, What a wonderful world, unha balada empalagosa con frases tan ñoñas como evidentes do estilo vexo árbores verdes e rosas vermellas florecendo para min e para ti, e penso no meu interior: que mundo tan marabilloso! (Hai que ver o que perden moitos clásicos de ayer y hoy cando os traduces) Unha salvable melodía e o seu emprego en spots televisivos navideños, fixeron dela un grande éxito comercial. Eran tempos nos que a lírica estaba aínda permitida porque o mundo dos soños e as utopías aínda non nos escachara entre as mans. Eran os anos dos maios estudiantís nos que se prohibía prohibir, de psicodelia e hippismo, de revolucionarios aínda non deturpados estampados en camisetas gastadas, de revolucións de cravos vermellos e vilas morenas. Pero chegaron os malos tempos para a lírica, os oitenta, nos que caeron os muros pero tamén as utopías, os hippies se reconverteron en yuppies, e o neoliberalismo devorou ao neocomunismo. Logo, a revolución dixital dos noventa plantexou horizontes impensables e, aqueles que aínda conservabamos un cándido resquicio de inxenuidade, inauguramos o terceiro milenio pensando que os habitantes deste marabilloso mundo podiamos aínda ter un atisbo de salvación. Ata que chegou Bush.
Onte puiden ver nunha reportaxe sobre o día a día de Iraq, como un pai chegaba coa medicina que podía salvar a vida da súa filla agonizante, logo de pagar no mercado negro todo o que tiña, xusto a tempo para vela morrer. Fixo con ela, resignadamente, un vurullo de sabas e meteuna nunha caixiña de cartón. Ese hospital era, antes da guerra, un dos mellores nesa zona do planeta. Hoxe, os seus máis insignes médicos foron depurados por pertencer ao partido Baaz (igual que fixeron cos mestres republicanos tra-la nosa guerra civil) e carece de material para atender unha simple neumonía, a pesar dos milleiros de millóns de dólares que se di ter investido na reconstrución dese maltratado país.
Mentres, unha morea de norteamericanos e europeos, érguense nos seus confortables fogares domóticos e almorzan hipercaloricamente mirando algo banal no tv de plasma. Collen o seu todoterreo superpotente e megacontaminante para cubrir o traxecto que os levará ata o traballo, quizais un despacho decorado estilo zen nun edificio intelixente. A pesares dos oito graos de temperatura deste día de inverno, nese percorrido non baixarán duns acondicionados vinte graos primaverais. Acenderán o seu PC para botar unha ollada ao Dow Jones e pensarán, que mundo tan perfecto!

18/10/07

Outono


Outubro está a ser tan bonancible coma o seu curmán, setembro. Dá gloria ver aos xubilados paseando pola beiramar, disfrutando do seu persoal outono e máis destoutro que nos vén tan fermoso e de balde. Parece que ata o rum rum da política local está apaciguado, anque eu desconfío desta paz aparente xa que, á mínima, ha estoupar de novo o trebón das xenreiras eternas.
Sería un pouco absurdo que neste apacible mes volvesen retumbar os insultos, as palabras grosas, as descualificacións soeces e estériles. Dunha xenial película de Hitchcock que vin hai moitos anos Pero quién mató a Harry? recordo como fío argumental a aparición en plena campiña, exhuberante de cor e luz, dun cadáver do cal ninguén quere facerse cargo, xa que todo o mundo anda noutras lerias. Aquel contraste que urdiu o xenial mestre: un corpo humano sen vida no medio de tan bucólico marco natural, provocaba no espectador un desapego tal polo friame que acababas por prescindir do peso tráxico da súa morte para velo coma se fose un personaxe máis, escaso de diálogo, pero personaxe ao cabo. Se o trebón político estoupase nestes ventureiros días de outono habiamos tomalo a risa, que é o que teriamos que ter feito desde hai moito.

2/10/07

Noites de hospital

Pola noite, a planta do hospital é unha especie de cidade dentro doutra. É a vila dos doentes que loitan contra esa que algún día hanos levar a todos. Na penumbra dos cuartos, os leds verdes e amarelos dos aparellos son as nosas estrelas escintilantes. O rumor da auga na pipa de osíxeno é a fonte que dá vida a ese peito, a ese fol acompasado que soa paseniño. De cando en vez óese a voz de alguén que poida que soñe que xa veñen por el, que todo rematou, que xa é a hora... Pero non, aquí aferrámonos á vida máis ca os vivos de aí fóra, porque sabemos o preto que está o outro lado. As enfermeiras falan sen abouxar a voz porque a noite é o seu reino. Elas son quen teñen o control sobre as estrelas, elas son quen dominan os caudais das fontes e o impar artificial do noso vento. Quitan a dor e reintegran a esperanza todiñas de branco inmaculado, mentres asubía algún aparello que elas manexan con destreza, mecanicamente. Xa vén o día aí fóra. Xa vén a vida e o sol. Estamos todos para recibilo cos brazos abertos. Estamos todos.

31/8/07

Setembro


Hoxe non dei feito. Foi un deses días en que xa intúes que todo vai vir mal dado porque se che corta a auga quente mentres estás na ducha, ou se che queima o
peixe na tixola. Velo vir e xa sabes que tes o día, que ata os mobles parecen poñerse no medio para que tropeces e os obxectos te miran mal, como de esguello, agardando o mínimo descoido para caer ou descolocarse. E ademais, o nordés impenitente que todo o revolve, que non deixa escoitar o que alguén che di, que che mete un gran de po no ollo ou che golpea a porta e te crispa. O nordés, ese furacán que vén polo monte de Xallas abaixo e fai que a ría pareza querer fuxir do sitio.
Vaia, que non tiven o día e, ademais, mañ
á comeza setembro. Setembro, e luns a traballar de novo. Que logo pasan os veráns! Xa o dicía non sei quen outro día nunha tertulia da radio: dun tempo a esta parte dame a impresión de que me levanto en luns e déitome en venres. E que os meses e as estacións pasan como esas ondas de nordés que leva a ría, digo eu. Setembro, mes de suicidas e depresivos, de días que fan encoller as horas da tardiña e alongar as sombras no solpor. Anúnciase o outono neses primeiros ourizos de castaña no chan, nesa bandada de paxaros cara o sur... Setembro, e fomos ficando sós, o mar, o barco e máis nós.

27/8/07

Detesto molestar


É ben certo que ler é unha boa maneira de atoparse a si mesmo e, como queira que no verán podo ler máis ca noutras épocas do ano, estou a atopar ángulos da miña personalidade que descoñecía ou nos cales non reparara. A última foi hoxe mesmo, na praia, cunha novela de Juan José Millás onde un personaxe se define dicindo que a elocuencia non foi nunca unha das súas virtudes, pero tampouco un dos seus defectos. Tal me pasa a min. Non son o suficientemente elocuente como para atraer a atención dos demais sobre os meus traballos, pero tampouco escorrento, como lle ocorre a moita xente que peca por exceso e provoca a desconfianza naqueles que se decatan, nalgún intre, de que aí hai truco. Xa desde hai unha chea de anos vou na procura de min mesmo no interior das lecturas que fago. Hai moito lin un libro de Bryce Echenique (A vida esaxerada de Martín Romaña) no que o protagonista excusábase constantemente dos seus compromisos cun detesto molestar co cal me identifiquei rapidamente, pois tal era a miña actitude naquel tempo en que o compromiso parecía obrigado e todos ao meu arredor o practicaban dalgún xeito. Non sei por que, pero eu prefería pasar pola vida sen molestar, sen facer nada que me delatase, cando todos os da miña quinta buscaban, precisamente, destacar, facerse notar ou, como diciamos daquela, realizarse. Ámbalas dúas ideas seguen a aniñar na miña vida: trato de cultivar a arte da elocuencia porque, se cadra, preciso convencerme a min mesmo, cos meus propios argumentos, de que podo e debo molestar, axudar a remexer conciencias. Poida que sexa por iso polo que escribo un blog no que practico esa arte tratando de acadar esa virtude (a elocuencia), anque tan pouco exitosamente que non me le ninguén máis ca min mesmo (detesto molestar).

17/8/07

O circo das emocións


Estivemos nas festas da virxe de Begoña, en Xixón, e fomos ver o Circo do Sol. Había tempo que non me conmovía tanto un espectáculo como o fixo este. Non se trata só de que figuren nel os mellores especialistas do mundo en cada disciplina circense, nin de que a posta en escea sexa do máis orixinal e máxico que un poida imaxinar; non se limita a que a música en directo (fermosísima e cunha vocalista moi boa) te transporte a épocas e lugares so existentes na imaxinación, ou de que ata o último detalle estea estudiado. Non consiste nunha sucesión de números senón que todos eles forman un todo que obriga ao público a sumarse ao espectáculo e proferir exclamacións de asombro, facer palmas seguindo partes de fanfarria, ou mesmo sair convidados a participar en algún gag. Penso que aí reside o éxito do espectáculo: en que toda a excelencia parcial das súas compoñentes vai directa coma un dardo ao centro das emocións do espectador, que non pode negarse a rematar aplaudindo e posto en pé como poucas veces o teña feito antes. O título deste espectáculo é Alegría (así, en castelán) unha das emocións máis desexables polo ser humano e aloumiñada aquí pola tenrura que desprenden os personaxes principais: Fleur, Tamir e o neno, os vellos paxaros nostálxicos...
Levo algún tempo oíndo e lendo cousas arredor da educación das emocións e da intelixencia emocional, e non se me ocorre mellor exemplo ca este espectáculo para achegarse ao significado desa (xa non tan nova) tendencia psicopedagóxica, cá valoración que poida facer un asistente a Alegría (independentemente de que alguén poida alegar, por exemplo, cuestións de índole estética, xa que sobre gustos...) Deste xeito, a aqueles aos que non lles teña gustado diría que teñen grandes carencias para desenvolver esta intelixencia. Aos que só lles teña agradado o espectáculo circense pero os teña deixado indiferentes, poida que teñan que seguir desenvolvéndoa. Os que disfrutamos e mesmo chegamos ás sensacións físicas como os ollos húmidos ou o pelo de punta (penso que a inmensa maioría) é que funcionamos coas emocións. Só teriamos que aprender a temperalas e conducilas no día a día, independentemente de cal sexa o noso cociente intelectual que, como se sabe, indica capacidade para certas tarefas intelectivas, pero non garantiza o que hoxe se entende por ser realmente intelixente.

10/8/07

A teoría da nasa

Por fin veño de dar a coñecer mundialmente a miña teoría da nasa. Ben, foi antonte tomando unhas cervexas con tres amigos, pero estou seguro de que esta teoría se espallará en breve polo universo universal e me fará famoso. De calquera xeito, paso a contala.
Como é sabido, a nasa é unha arte de pesc
a (sempre me chamou a atención o feito de adicarlle o apelativo de arte a instrumentos que serven para acabar con outros seres vivos -tamén se fala da arte da guerra-), é unha arte, dicía, consistente nun receptáculo cilíndrico recuberto de malla, cun único e estreito lugar de acceso ao seu interior, onde se coloca o cebo para atraer a congros ou polbos que, toda vez que entran, non son xa quen de sair. O que impide que saian é que non teñen unha vision externa da nasa que os faga conscientes da súa morfoloxía e de que existe unha vía de escape (neste caso a mesma que lles serviu de acceso), ou dito doutra maneira, as árbores impídenlles ver o bosque.
A miña teoría da nasa serve para exemplificar diversas condutas humanas ou situacións sociais derivadas delas. Non lembro ben o motivo concreto que me levou o outro día a expoñela ante tan insigne como escaso auditorio, pero creo que tiña que ver con algunha situación derivada do tema laboral, con esas actitudes que adopta algunha xente, pechándose nunha postura e negándose a ceder ante as esixencias do traballo en equipo, impedindo con elo que o clima sexa mellor, máis colaborativo, e a calidade do proceso e do produto tamén e todos poidan sair gañando. Aos meus contertulios pareceulles unha teoría estupenda, moi ocurrente, (son bos rapaces) e que podía ser empregada para designar moitas outras situacións que comezaron xa a saír como unha rea: as rutinas diairas das cales nos é dificil fuxir, os problemas matrimoniais ou de parella, a situación do presidente do depor, a do noso propio concello...

Cando nos demos conta eran as mil e unha e alguén suxeriu que habería que ir pensando en ir durmir pero, sen saber moi ben como, atopámonos emborcando outras cervexas e caendo na conta de que aos catro se nos estaba a poñer ese desasosegante aspecto que adquiren os congros cando caen nunha nasa.

7/8/07

Insomnio


Como a noite non me aproveita aquí estou por ver se a aproveito eu a ela. Veño de rematar A Intelixencia fracasada, de José Antonio Marina, a quen xa teño citado por aí embaixo. No seu habitual estilo de diálogo directo co lector que xa me agradara tanto en Teoría da intelixencia creadora, expón o seu punto de vista sobre a Teoría e práctica da estupidez, pois tal é o subtítulo deste breve libriño. Marina non fala de psicopatías senón de intelixencias danadas, e chama intelixencias fracasadas a aquelas que, aínda triunfando no plano individual, constitúen un fracaso para a sociedade (teoría dos marcos o chama el). Por aí desfilan Hitler, Stalin, Pinochet, Pol pot, Napoleón ou Calígula, pero tamén podémonos recoñecer cadaquén en comportamentos que disecciona, e aos cales non nos habemos substraer totalmente nalgún intre da nosa vida (polo menos no meu caso). Creo que agora comezo a comprender a fama que está a acadar de retrógrado ou conservador nalgúns círculos, e que eu considero inxustificada, pois pónlle o espello diante e sen medo a algúns dogmatismos, tópicos ou ideas preestablecidas que hoxe circulan no noso mundo. Un exemplo que me fixo pensar bastante é o seu punto de vista sobre os aparentes logros acadados nos anos sesenta polas sociedades occidentais. Para el non foron tales (ou cando menos desmitifica o alcance destes supostos avances) porque se plantexaron excesivas rupturas, excesivas revolucións ao mesmo tempo, e a sociedade non foi quen de asumilas, co cal, houbo unha especie de movemento pendular que nos trouxo aos neocon dos oitenta. Estes fracasos levaron a revisionismos que aumentaron, se cadra, a estupidez de teorías defendidas por algúns dos anteriormente citados. Moi recomendable Marina sempre, pero sobre todo para sacarlle proveito a unha noite de insomnio.

6/8/07

Iberismo


A raíz do comentario que Pedro Morgado me deixou na entrada anterior -Portugal- correspondo á súa xentileza visitando o seu estupendo sitio http://avenidacentral.blogspot.com/ no que a participación de lectores é abundantísima (este si que é un auténtico blogueiro). Detéñome no artigo que publica a partires das declaracións feitas días atrás por Saramago, sobre a hipotética integración futura de Portugal en España. Rexistra récord de comentarios (máis de 60) polo que constato que o tema dos nacionalismos (por chamalo dalgunha maneira) fai remexer á xente nun sentido ou noutro, mesmo nun país que por aquí ten fama de centralista. Hai para todos os gustos: algún iberista que apoia ao nobel, nacionalistas portugueses que mesmo apelan á épica historia da antiga lusitania, partidarios da integración da zona miñota na Galiza... pero o que máis me chama a atención é a reacción que esperta o comentario dun lusista galego en algúns portugueses, os cales rexeitan o seu intento de darlle a volta ao calcetín e reintegrar a Galiza en Portugal. O resultado concrétase en comentarios do tipo (...) vocês galegos resolvam os vossos problemas com Espanha mas não usem o nome de Portugal para tratar dos vossos interesses. Para os Portugueses os galegos são espanhois (...) os galegos é que querem passar essa ideia. Aquilo é um "dialecto" "giria" que apenas alguns galegos (muito poucos) entendem. Basta ir a Vigo ou à Corunha que ninguém entende isso a que chamam de galego. É uma ideia que alguns desocupados pretendem passar mas a verdade é que o "galego" é algo totalmente incipiente (...) não tentem criar um cenário que não existe. Somos portugueses e sempre seremos. A Galiza faz parte de Espanha. Amigos mas países diferentes (...) ... que escorrentan ao galego reintegracionista coma un cadeliño co rabo entre as pernas (penso que nunca tal sospeitara).
Eu hai tempo que non me pronuncio sobre o tema porque se escoitan tantas maragotadas que xa non é do meu interese, pero este punto de vista non deixa de me facer gracia (non podo evitar esta maldade), porque hai algúns que se din nacionalistas galegos e pensan que Portugal acollería cos brazos abertos a unha Galiza independizada de España. Viven nun mundo irreal, nunha utopía que se desmorona ao sairen á porta da casa. Non se dan conta de que o relativismo cultural que eles esgrimen para loitar contra ese españolismo castrador
que non nos entende, pode existir tamén alén do Miño con respecto a nós. Ese menos mal que nos queda Portugal, non é tan certo.
De calquera xeito, o que non se debe facer nunca é perder as formas por este asunto, ao que eu non podo evitar atoparlle cada vez máis similitudes co movemento hooligan. Será que me estou a facer vello como Saramago?

30/7/07

Portugal


Deume a impresión de que Portugal estaba mellor cá última vez que fóramos, hai xa sete anos! pero que aínda segue a ser ese país que che dá o mellor e o peor de si dun intre para outro.
Póvoa é o destino do pijerío portuense, está máis coidada na zona turística que xira arredor dos banhos, pero o seu casco vello ou a zona que non é fachada está condenada a morte. Como se despisten, o seu paseo marítimo pode chegar ata Vigo.
Non gostei de Espinho, que descoñecía e que non resiste a comparanza con Póvoa por moito hotelazo que teña. Fóra da zona de banhos pareceume unha vila triste. En xeral, chama a atención o pouco que se renovan os espazos públicos: as estradas, as beirarrúas os parques, os mercados... están deixados coma se xa tivesen feito o seu labor e non servisen máis. Anque Aveiro pareceume a excepción: estivera nel o ano que morreu Amália e xa me encantara. Desta volta aínda me pareceu que estaba máis coidado e rehabilitado o seu casco vello. Comemos no Rodel un bacallau de vicio, anque quedei con gañas de visitar o Cafeína do cal me falaran moi ben. A praça do Peixe, a ponte nova no canal de san Roque, o canal central coas súas fermosas fachadas modernistas, a rúa Belem do Pará, a Praça do Marqués de Pombal...non teñen desperdicio.
Porto é Porto. Posúe un deses espazos únicos comparable á Piazza della Signoria de Florencia ou á do obradoiro de Santiago. Refírome á Baixa, a esas terrazas do Cais da Ribeira ou á vista incomparable desde Gaia, unha vez cruzada a ponte de don Luiz. Non fixemos gran cousa pola calor e porque indo con nenos, todo é máis complicado, pero só un par de horas nesa milla de ouro, compensa. Fomos en comboio desde Esmoriz, onde estabamos aloxados, e a viaxe resultou moi agradable porque os cercanías funcionan realmente ben. Son trens novos, moi cómodos e coidados, que pasan por vilas como Granja, coas súas casas señoriais de principios do século pasado, último reduto daquela alta burguesía portuense que ía a banhos a curar a escrofulose ou o reuma (lembrar Sostiene Pereira) a rentes das praias salvaxes e marabillosas desa zona.
Rematamos, como non, en Valença. A unha que sei eu, saíulle mal a xogada porque era domingo e estaban fechadas moitas lonjas, pero en troques, había grupos de animación na rúa (clowns, músicos, malabaristas...) que nos deron unha agradable sobremesa logo do enésimo bacallau (posiblemente o mellor da viaxe, anque o menos barato) no Fortaleza.

20/7/07

Casas que falan


Visito a páxina de Manuel Sendón http://manuelsendon.wordpress.com/ na que informa da súa mostra fotográfica Casas doentes (Fundación Barrié, A Coruña). Pódense ver algúns exemplos das casas que el chama doentes, de entre as cales escollo a que encabeza esta entrada. A miña primeira reflexión xira arredor dos estupendos títulos que Sendón dá ás súas mostras. Non son un metódico estudioso da obra deste sardiñeirense de adopción (so lle coñezo traballos soltos), pero gardo na retina o cartel do traballo que fixo arredor da traxedia do Prestige: unha farola, probablemente do paseo marítimo de Muxía, coa luminaria caída e totalmente pringada de chapapote, sobre o lema Cuspir a Barlovento. Non se pode expresar mellor cal foi a orixe daquela traxedia.
Esta exposición actual, que so coñezo pola escolma que fai na devandita páxina, tenme moi boa pinta e o seu título paréceme igual de suxerente. Non me digades que esa casa de aí enriba non semella un rostro humano que berra, desesperado, pola anguria ou a dor.
Faime sentir inquedo unha idea fugaz e malintencionada: imaxino á beautiful people coruñesa percorrendo a exposición e manifestando "lo hermosas que pueden llegar a ser las ruínas". Para os que convivimos con elas e observamos decote eses rostros doentes, podo asegurar que non é un prato de gusto ver como van morrendo as paisaxes da túa infancia. De calquera xeito, non lembro ter lido, en ningún programa electoral das recentes municipais, algo así como "promoveremos ou esixiremos a reconstrución das moitas casas vellas que hai no casco urbano da nosa vila". Parece que aos alcaldables so lles preocupa construir todo de novo sen ter en conta o patrimonio que deixamos esmorecer. Eu so desexo que non se perda a mensaxe de denuncia que hai tras deses retratos, tan fermosos coma desasosegantes, de Manolo Sendón. Vainos moito niso.

17/7/07

Vivir na Costa da Morte

Vivir na Costa da Morte non é un contrasentido, nin unha expresión ocurrente. É unha verdade tan simple que ás veces penso se non sería mellor non aireala moito, non vaia ser que descubran o tesouro e no-lo rouben. Xa está a ocorrer, xa algúns están comezando a profanar esta terra.
Hai anos, á vista do impresionante monte Pindo á nosa esquerda, as Lobeiras ao fronte e o cabo Fisterra á dereita, que se pode disfrutar desde Cabo C, un amigo madrileño dicíanos:
tío, ej que no sabéis lo que tenéis aquí! E nós contestabamos retranqueiros: si home si, si que sabemos, pero non o digas moi alto para que non se nos encha esto de turistas.
Vivir na Costa da Morte é vivir no paraíso pero, como na lenda bíblica, hai que pagar un prezo por ese pecado: na invernía hai temporais sempiternos ou temos camiños e servizos con décadas de retraso. Este verán está a ser tan malo que algúns xa din que caeu en xoves. Pero nós estamos vivos.

10/7/07

Basil Hall

Practico de cando en vez o meu inglés enferruxado escoitando podcasts e traducindo textos da rede. O outro día atopei na búsqueda de libros de google un texto que xa coñecía por unha tradución que hai anos editou o Concello de Corcubión (no cal houbo unha época na que se facían cousas interesantes). Como o libro non está suxeito a dereitos de autor, pódese visualizar escaneado on line, tecleando este longuísimo enderezo http://www.google.es/books?id=or51kq0RCjcC&pg=PA57&dq=Corcubi%C3%B3n#PPP7,M1 ou co buscador da devandita ferramenta de google, coas entradas Fragments of voyages and travels ou Basil Hall, pois este é o nome do autor. O libro non ten desperdicio para os corcubioneses ou mesmo para os amantes da historia e da literatura marítima. A min o que máis me chama a atención, son os comentarios que o capitán Basil Hall, aínda non ao mando daquela, fai sobre a vida dos nativos desta nosa bisbarra. Interesoume un fragmento no que convidaban a fumar a algúns corcubioneses, que naquela época de privacións pola invasión napoleónica agradeceron enormemente o convite. Velaí vai a miña chusca tradución:

"A carne para John Bull (personaxe que representa o inglés típico), as patacas para Paddy (nome despectivo que lle dan aos irlandeses) ou o grog para un mariñeiro, son exemplos que serven para describir o deleite dun Español, que, logo de varios meses de privación, agarra un fato de follas de tabaco. Eles nunca o meten na boca ao estilo americano, nin o poñen nunha pipa coma os ingleses, senón que cortan a herba cuidadosa e economicamente en anacos pequenos e esparexendo este petisco ao longo dunha folliña de papel do tamaño dunha tarxeta de visita, envólveno perfectamente no que eles chaman “un cigarro de papel” ou, más delicadamente aínda, introducen as febras nun estreito tubiño de palla, e chámanlle “pajilla” ou “cigarro de señoritas”. Se, por outra banda, teñen abondo deste grande tesouro, enrolan as follas xuntas en pezas máis grandes, as cales, feitas exclusivamente de tabaco, son chamadas, por excelencia “puros”.

Capitán Basil Hall: “Fragmentos de viaxes e travesías. Vol. III. Capítulo 1: Corcubión” (1809)

6/7/07

Somos de Corcubión...

...unha fermosa Vila... di a tonada que tantas veces cantamos a coro, desafinando e cando xa os efluvios nos fan pensar que somos mellores (anque sexamos os de sempre). Duns anos aquí, a cousa parece que se encanallou ou polo menos, según se desprende dos recortes de prensa, na Vila andamos a facernos a vida imposible uns aos outros. Eu penso que non é así. Saio todos os días á rúa e saúdo a unha morea de xente que me devolve o sorriso. Algúns teñen unha ideoloxía política ben diferente da miña, uns intereses culturais distintos, unhas afeccións que non coinciden coas que eu teño. Pero saudámonos, falamos do mundo, facemos unha broma...convivimos. De cando en vez, tomamos unha cervexa xuntos e mesmo discutimos desas cousas nas que tan pouco coincidimos e, ao día seguinte, volvémonos saudar co sorriso posto. Non pasa nada, que ha de pasar?
De todos xeitos, hai algunha xente que non se fala, xente que se ten xenreira e desexa que ao veciño o parta un raio. Foi sempre así, convivir é dificil. O peor é cando eses veciños encabezan listas electorais nos dous grupos con opcións de goberno. Porque, vexamos: escollemos cada catro anos a uns representantes que se comprometen publicamente a xestionar os nosos impostos para que na nosa Vila se viva mellor. A opción gañadora goberna e a que non gaña pasa á oposición. Os que gobernan teñen a obriga de falar co demo se fose preciso para conquerir prosperidade e benestar. Os da oposición teñen que exercer de vixiantes dos que gobernan para que no exercicio do poder, que vén sendo algo así como remontar un río ateigado de tentadoras sereas nas beiras, non se faga nada que non sexa polo ben común. Ata aí todo parece moi doado, moi lóxico. Logo, onde foi que comezamos a perder o norte? Non é bo que dúas persoas que non son quen de falar civilizadamente entre elas, teñan o poder de representación para gobernar e facer oposición no noso nome, pero a ditadura da vontade popular (a única ditadura que ten cabida nunha democracia, xunto co imperio da lei) non entende de lóxica e, en máis ocasións das que sería desexable, fai que coincidan como goberno e oposición o lume e a pólvora.
Nun libriño para nenos,
O demo dos números, de autor de nome impronunciable, o protagonista era aconsellado varias veces cunha frase que, sendo tan simple, encerra toda unha filosofía de vida. Dicía máis ou menos que o máis intelixente non é o que se enroca en dogmatismos, senón o que sabe ceder. Moito me temo que os nosos representantes non teñan lido ese libro (anque a boa literatura infantil é esa que tamén gusta aos maiores) e, polo tanto, non coñezan a máxima. Dubido, porén, que a cheguen a poñer nunca en práctica, co cal o siloxismo me leva a pensar que non son tan listos como pensan. Son, en palabras de José Antonio Marina, intelixencias fracasadas.