30/7/07

Portugal


Deume a impresión de que Portugal estaba mellor cá última vez que fóramos, hai xa sete anos! pero que aínda segue a ser ese país que che dá o mellor e o peor de si dun intre para outro.
Póvoa é o destino do pijerío portuense, está máis coidada na zona turística que xira arredor dos banhos, pero o seu casco vello ou a zona que non é fachada está condenada a morte. Como se despisten, o seu paseo marítimo pode chegar ata Vigo.
Non gostei de Espinho, que descoñecía e que non resiste a comparanza con Póvoa por moito hotelazo que teña. Fóra da zona de banhos pareceume unha vila triste. En xeral, chama a atención o pouco que se renovan os espazos públicos: as estradas, as beirarrúas os parques, os mercados... están deixados coma se xa tivesen feito o seu labor e non servisen máis. Anque Aveiro pareceume a excepción: estivera nel o ano que morreu Amália e xa me encantara. Desta volta aínda me pareceu que estaba máis coidado e rehabilitado o seu casco vello. Comemos no Rodel un bacallau de vicio, anque quedei con gañas de visitar o Cafeína do cal me falaran moi ben. A praça do Peixe, a ponte nova no canal de san Roque, o canal central coas súas fermosas fachadas modernistas, a rúa Belem do Pará, a Praça do Marqués de Pombal...non teñen desperdicio.
Porto é Porto. Posúe un deses espazos únicos comparable á Piazza della Signoria de Florencia ou á do obradoiro de Santiago. Refírome á Baixa, a esas terrazas do Cais da Ribeira ou á vista incomparable desde Gaia, unha vez cruzada a ponte de don Luiz. Non fixemos gran cousa pola calor e porque indo con nenos, todo é máis complicado, pero só un par de horas nesa milla de ouro, compensa. Fomos en comboio desde Esmoriz, onde estabamos aloxados, e a viaxe resultou moi agradable porque os cercanías funcionan realmente ben. Son trens novos, moi cómodos e coidados, que pasan por vilas como Granja, coas súas casas señoriais de principios do século pasado, último reduto daquela alta burguesía portuense que ía a banhos a curar a escrofulose ou o reuma (lembrar Sostiene Pereira) a rentes das praias salvaxes e marabillosas desa zona.
Rematamos, como non, en Valença. A unha que sei eu, saíulle mal a xogada porque era domingo e estaban fechadas moitas lonjas, pero en troques, había grupos de animación na rúa (clowns, músicos, malabaristas...) que nos deron unha agradable sobremesa logo do enésimo bacallau (posiblemente o mellor da viaxe, anque o menos barato) no Fortaleza.

20/7/07

Casas que falan


Visito a páxina de Manuel Sendón http://manuelsendon.wordpress.com/ na que informa da súa mostra fotográfica Casas doentes (Fundación Barrié, A Coruña). Pódense ver algúns exemplos das casas que el chama doentes, de entre as cales escollo a que encabeza esta entrada. A miña primeira reflexión xira arredor dos estupendos títulos que Sendón dá ás súas mostras. Non son un metódico estudioso da obra deste sardiñeirense de adopción (so lle coñezo traballos soltos), pero gardo na retina o cartel do traballo que fixo arredor da traxedia do Prestige: unha farola, probablemente do paseo marítimo de Muxía, coa luminaria caída e totalmente pringada de chapapote, sobre o lema Cuspir a Barlovento. Non se pode expresar mellor cal foi a orixe daquela traxedia.
Esta exposición actual, que so coñezo pola escolma que fai na devandita páxina, tenme moi boa pinta e o seu título paréceme igual de suxerente. Non me digades que esa casa de aí enriba non semella un rostro humano que berra, desesperado, pola anguria ou a dor.
Faime sentir inquedo unha idea fugaz e malintencionada: imaxino á beautiful people coruñesa percorrendo a exposición e manifestando "lo hermosas que pueden llegar a ser las ruínas". Para os que convivimos con elas e observamos decote eses rostros doentes, podo asegurar que non é un prato de gusto ver como van morrendo as paisaxes da túa infancia. De calquera xeito, non lembro ter lido, en ningún programa electoral das recentes municipais, algo así como "promoveremos ou esixiremos a reconstrución das moitas casas vellas que hai no casco urbano da nosa vila". Parece que aos alcaldables so lles preocupa construir todo de novo sen ter en conta o patrimonio que deixamos esmorecer. Eu so desexo que non se perda a mensaxe de denuncia que hai tras deses retratos, tan fermosos coma desasosegantes, de Manolo Sendón. Vainos moito niso.

17/7/07

Vivir na Costa da Morte

Vivir na Costa da Morte non é un contrasentido, nin unha expresión ocurrente. É unha verdade tan simple que ás veces penso se non sería mellor non aireala moito, non vaia ser que descubran o tesouro e no-lo rouben. Xa está a ocorrer, xa algúns están comezando a profanar esta terra.
Hai anos, á vista do impresionante monte Pindo á nosa esquerda, as Lobeiras ao fronte e o cabo Fisterra á dereita, que se pode disfrutar desde Cabo C, un amigo madrileño dicíanos:
tío, ej que no sabéis lo que tenéis aquí! E nós contestabamos retranqueiros: si home si, si que sabemos, pero non o digas moi alto para que non se nos encha esto de turistas.
Vivir na Costa da Morte é vivir no paraíso pero, como na lenda bíblica, hai que pagar un prezo por ese pecado: na invernía hai temporais sempiternos ou temos camiños e servizos con décadas de retraso. Este verán está a ser tan malo que algúns xa din que caeu en xoves. Pero nós estamos vivos.

10/7/07

Basil Hall

Practico de cando en vez o meu inglés enferruxado escoitando podcasts e traducindo textos da rede. O outro día atopei na búsqueda de libros de google un texto que xa coñecía por unha tradución que hai anos editou o Concello de Corcubión (no cal houbo unha época na que se facían cousas interesantes). Como o libro non está suxeito a dereitos de autor, pódese visualizar escaneado on line, tecleando este longuísimo enderezo http://www.google.es/books?id=or51kq0RCjcC&pg=PA57&dq=Corcubi%C3%B3n#PPP7,M1 ou co buscador da devandita ferramenta de google, coas entradas Fragments of voyages and travels ou Basil Hall, pois este é o nome do autor. O libro non ten desperdicio para os corcubioneses ou mesmo para os amantes da historia e da literatura marítima. A min o que máis me chama a atención, son os comentarios que o capitán Basil Hall, aínda non ao mando daquela, fai sobre a vida dos nativos desta nosa bisbarra. Interesoume un fragmento no que convidaban a fumar a algúns corcubioneses, que naquela época de privacións pola invasión napoleónica agradeceron enormemente o convite. Velaí vai a miña chusca tradución:

"A carne para John Bull (personaxe que representa o inglés típico), as patacas para Paddy (nome despectivo que lle dan aos irlandeses) ou o grog para un mariñeiro, son exemplos que serven para describir o deleite dun Español, que, logo de varios meses de privación, agarra un fato de follas de tabaco. Eles nunca o meten na boca ao estilo americano, nin o poñen nunha pipa coma os ingleses, senón que cortan a herba cuidadosa e economicamente en anacos pequenos e esparexendo este petisco ao longo dunha folliña de papel do tamaño dunha tarxeta de visita, envólveno perfectamente no que eles chaman “un cigarro de papel” ou, más delicadamente aínda, introducen as febras nun estreito tubiño de palla, e chámanlle “pajilla” ou “cigarro de señoritas”. Se, por outra banda, teñen abondo deste grande tesouro, enrolan as follas xuntas en pezas máis grandes, as cales, feitas exclusivamente de tabaco, son chamadas, por excelencia “puros”.

Capitán Basil Hall: “Fragmentos de viaxes e travesías. Vol. III. Capítulo 1: Corcubión” (1809)

6/7/07

Somos de Corcubión...

...unha fermosa Vila... di a tonada que tantas veces cantamos a coro, desafinando e cando xa os efluvios nos fan pensar que somos mellores (anque sexamos os de sempre). Duns anos aquí, a cousa parece que se encanallou ou polo menos, según se desprende dos recortes de prensa, na Vila andamos a facernos a vida imposible uns aos outros. Eu penso que non é así. Saio todos os días á rúa e saúdo a unha morea de xente que me devolve o sorriso. Algúns teñen unha ideoloxía política ben diferente da miña, uns intereses culturais distintos, unhas afeccións que non coinciden coas que eu teño. Pero saudámonos, falamos do mundo, facemos unha broma...convivimos. De cando en vez, tomamos unha cervexa xuntos e mesmo discutimos desas cousas nas que tan pouco coincidimos e, ao día seguinte, volvémonos saudar co sorriso posto. Non pasa nada, que ha de pasar?
De todos xeitos, hai algunha xente que non se fala, xente que se ten xenreira e desexa que ao veciño o parta un raio. Foi sempre así, convivir é dificil. O peor é cando eses veciños encabezan listas electorais nos dous grupos con opcións de goberno. Porque, vexamos: escollemos cada catro anos a uns representantes que se comprometen publicamente a xestionar os nosos impostos para que na nosa Vila se viva mellor. A opción gañadora goberna e a que non gaña pasa á oposición. Os que gobernan teñen a obriga de falar co demo se fose preciso para conquerir prosperidade e benestar. Os da oposición teñen que exercer de vixiantes dos que gobernan para que no exercicio do poder, que vén sendo algo así como remontar un río ateigado de tentadoras sereas nas beiras, non se faga nada que non sexa polo ben común. Ata aí todo parece moi doado, moi lóxico. Logo, onde foi que comezamos a perder o norte? Non é bo que dúas persoas que non son quen de falar civilizadamente entre elas, teñan o poder de representación para gobernar e facer oposición no noso nome, pero a ditadura da vontade popular (a única ditadura que ten cabida nunha democracia, xunto co imperio da lei) non entende de lóxica e, en máis ocasións das que sería desexable, fai que coincidan como goberno e oposición o lume e a pólvora.
Nun libriño para nenos,
O demo dos números, de autor de nome impronunciable, o protagonista era aconsellado varias veces cunha frase que, sendo tan simple, encerra toda unha filosofía de vida. Dicía máis ou menos que o máis intelixente non é o que se enroca en dogmatismos, senón o que sabe ceder. Moito me temo que os nosos representantes non teñan lido ese libro (anque a boa literatura infantil é esa que tamén gusta aos maiores) e, polo tanto, non coñezan a máxima. Dubido, porén, que a cheguen a poñer nunca en práctica, co cal o siloxismo me leva a pensar que non son tan listos como pensan. Son, en palabras de José Antonio Marina, intelixencias fracasadas.