Practico de cando en vez o meu inglés enferruxado escoitando podcasts e traducindo textos da rede. O outro día atopei na búsqueda de libros de google un texto que xa coñecía por unha tradución que hai anos editou o Concello de Corcubión (no cal houbo unha época na que se facían cousas interesantes). Como o libro non está suxeito a dereitos de autor, pódese visualizar escaneado on line, tecleando este longuísimo enderezo http://www.google.es/books?id=or51kq0RCjcC&pg=PA57&dq=Corcubi%C3%B3n#PPP7,M1 ou co buscador da devandita ferramenta de google, coas entradas Fragments of voyages and travels ou Basil Hall, pois este é o nome do autor. O libro non ten desperdicio para os corcubioneses ou mesmo para os amantes da historia e da literatura marítima. A min o que máis me chama a atención, son os comentarios que o capitán Basil Hall, aínda non ao mando daquela, fai sobre a vida dos nativos desta nosa bisbarra. Interesoume un fragmento no que convidaban a fumar a algúns corcubioneses, que naquela época de privacións pola invasión napoleónica agradeceron enormemente o convite. Velaí vai a miña chusca tradución: "A carne para John Bull (personaxe que representa o inglés típico), as patacas para Paddy (nome despectivo que lle dan aos irlandeses) ou o grog para un mariñeiro, son exemplos que serven para describir o deleite dun Español, que, logo de varios meses de privación, agarra un fato de follas de tabaco. Eles nunca o meten na boca ao estilo americano, nin o poñen nunha pipa coma os ingleses, senón que cortan a herba cuidadosa e economicamente en anacos pequenos e esparexendo este petisco ao longo dunha folliña de papel do tamaño dunha tarxeta de visita, envólveno perfectamente no que eles chaman “un cigarro de papel” ou, más delicadamente aínda, introducen as febras nun estreito tubiño de palla, e chámanlle “pajilla” ou “cigarro de señoritas”. Se, por outra banda, teñen abondo deste grande tesouro, enrolan as follas xuntas en pezas máis grandes, as cales, feitas exclusivamente de tabaco, son chamadas, por excelencia “puros”.
Capitán Basil Hall: “Fragmentos de viaxes e travesías. Vol. III. Capítulo 1: Corcubión” (1809)


No hay comentarios:
Publicar un comentario