27/8/07

Detesto molestar


É ben certo que ler é unha boa maneira de atoparse a si mesmo e, como queira que no verán podo ler máis ca noutras épocas do ano, estou a atopar ángulos da miña personalidade que descoñecía ou nos cales non reparara. A última foi hoxe mesmo, na praia, cunha novela de Juan José Millás onde un personaxe se define dicindo que a elocuencia non foi nunca unha das súas virtudes, pero tampouco un dos seus defectos. Tal me pasa a min. Non son o suficientemente elocuente como para atraer a atención dos demais sobre os meus traballos, pero tampouco escorrento, como lle ocorre a moita xente que peca por exceso e provoca a desconfianza naqueles que se decatan, nalgún intre, de que aí hai truco. Xa desde hai unha chea de anos vou na procura de min mesmo no interior das lecturas que fago. Hai moito lin un libro de Bryce Echenique (A vida esaxerada de Martín Romaña) no que o protagonista excusábase constantemente dos seus compromisos cun detesto molestar co cal me identifiquei rapidamente, pois tal era a miña actitude naquel tempo en que o compromiso parecía obrigado e todos ao meu arredor o practicaban dalgún xeito. Non sei por que, pero eu prefería pasar pola vida sen molestar, sen facer nada que me delatase, cando todos os da miña quinta buscaban, precisamente, destacar, facerse notar ou, como diciamos daquela, realizarse. Ámbalas dúas ideas seguen a aniñar na miña vida: trato de cultivar a arte da elocuencia porque, se cadra, preciso convencerme a min mesmo, cos meus propios argumentos, de que podo e debo molestar, axudar a remexer conciencias. Poida que sexa por iso polo que escribo un blog no que practico esa arte tratando de acadar esa virtude (a elocuencia), anque tan pouco exitosamente que non me le ninguén máis ca min mesmo (detesto molestar).

No hay comentarios: