Hoxe non dei feito. Foi un deses días en que xa intúes que todo vai vir mal dado porque se che corta a auga quente mentres estás na ducha, ou se che queima o
peixe na tixola. Velo vir e xa sabes que tes o día, que ata os mobles parecen poñerse no medio para que tropeces e os obxectos te miran mal, como de esguello, agardando o mínimo descoido para caer ou descolocarse. E ademais, o nordés impenitente que todo o revolve, que non deixa escoitar o que alguén che di, que che mete un gran de po no ollo ou che golpea a porta e te crispa. O nordés, ese furacán que vén polo monte de Xallas abaixo e fai que a ría pareza querer fuxir do sitio. Vaia, que non tiven o día e, ademais, mañá comeza setembro. Setembro, e luns a traballar de novo. Que logo pasan os veráns! Xa o dicía non sei quen outro día nunha tertulia da radio: dun tempo a esta parte dame a impresión de que me levanto en luns e déitome en venres.
E que os meses e as estacións pasan como esas ondas de nordés que leva a ría, digo eu. Setembro, mes de suicidas e depresivos, de días que fan encoller as horas da tardiña e alongar as sombras no solpor. Anúnciase o outono neses primeiros ourizos de castaña no chan, nesa bandada de paxaros cara o sur... Setembro, e fomos ficando sós, o mar, o barco e máis nós.

No hay comentarios:
Publicar un comentario