Lembrei algún ben simpático como aquel eccoli qua que adoitabamos dicir para expresar o noso asentimento. Supoño que, como tantas outras cousas na nosa vila, naqueles anos de autarquía franquista, chegou polo mar, como modismo empregado por algún que andou polas italias. Que, Manolo, seica fixeches unha campaña polo mediterráneo, oh? -Eccoli qua, contestaba Manolo, fachendeándose. E aquí ficou a frase. Moitos anos despois, cando xa se deixara de empregar, tiven ocasión de ir a Italia nunha viaxe inesquecible. Alugabamos unhas bicicletas un meu curmán e máis eu, cando, ao pechar o trato en aqueles milleiros de liras que nos facían escachar coa risa porque había sempre que lles quitar un cero para pasalos a pesetas, o encargado do negocio asentiu cun eccoli qua que fixo exclamar ao meu curmán viches o que dixo?, ao cal respondín eu todo entendido, anque, polo baixo non menos sorprendido ca el, claro, bobo, e que é unha expresión italiana.
E como non lembrar aquela resposta un tanto surrealista que dábamos a quen nos preguntaba polo que nos poñerían os Reis Magos, cando en realidade xa deixaramos de crer neles: un correquetecagas e unha levita. Nunca cheguei sequera a intuir de onde demo puido sair tal expresión, e nunca volvín escoitala.
Había algunha máis que agora xa non lembro, que agora ha de estar no limbo onde van as palabras que se esquecen, os retrousos que a xente deixa de dicir porque veñen outros que os desprazan ou, simplemente, porque morren ou dormitan agardando que alguén os veña resucitar nun texto coma este, condeado tamén a ese limbo se ninguén o chega a ler.


