19/6/09

Mentiras, enquisas, decretos

Estou farto da discusión pero non podo eludila . De feito, a miña postura é que non debera haber discusión ningunha: o galego debe ser a lingua de Galicia, prioritaria desde o público fronte ao omnipresente e fagocitador castelán, mimada polo goberno autónomo para acadar unha meirande presenza no privado. Iso non é unha imposición, é unha necesidade. Alguén arremetería contra goberno algún polo que custa protexer as Cíes ou polo acceso restrinxido que hai hoxe para visitar as nosas fermosas Illas? Que pensariamos dun Presidente que decidise que hai que dar o mesmo tratamento lexislativo ás Cies que aos montes de eucalipto?

- A partir de ahora, no es preciso regular el acceso a las illas. Que cadaquien haga uso de su libertad individual para visitarlas como y cuando quiera. Mismo estará permitido construir en ellas.
- Pero iso vai facer que desapareza toda a súa riqueza natural, Presidente, e se destrúa a paisaxe que durante millóns de anos modelou a natureza...
- Contiños, lo que importa es la libertad individual. A santo de qué vamos a proteger unas islitas y no hacer lo mismo con los eucaliptos.
- Pero é que os eucaliptos non están en perigo de extinción e ademais son foráneos, hainos en todo o mundo e medran sen problemas. Sen embargo as Cíes...
- Nada, nada. Podemos vivir perfectamente sin las Cíes. Además, ya veréis como la gente va a ser cuidadosa y sensata y no va a haber ninguna catástrofe. El mismo trato y no se hable más.
- (...!)

Que pensaría o personal? Este está trallado, hai que facer algo e sacar a este home de aí antes de que nos arruíne o país. Mais, por que a lingua non nos provoca esa reacción á maioría? Que coño nos está a pasar?
Eu teño moitas teorías, mesmo algunha na que o nacionalismo, ou cáseque mellor, a imaxe que proxecta o nacionalismo nos medios, non aparece como inocente. De feito, ningún de nós é inocente e todos temos os nosos pecados neste asunto. Pero, se houbese que priorizar á hora de atopar un culpable, ese sería o que provocou esta situación kafkiana a golpe de mentira, enquisa e decreto.
Dentro de dez, vinte ou trinta anos, cando o galego sexa algo tan residual que xa non represente ameaza algunha para todos eses que o ven como un atranco no progreso do país, deses que son quen de aprobar unha carreira universitaria, unha oposición dificilísima, pero incapaces de ver que o seu coñecemento e uso enriquece a competencia dos nosos fillos; dentro dun tempo no que vexamos como decae nas estatísticas e desapareza dos poucos ámbitos que conquistara aí atrás, mesmo con gobernos do PP (e encabezados por un ex- ministro de Franco); entón, ese mesmo que hoxe lle dá o tiro de graza, nos venderá a moto de que hai que agradecerlle a el que non tivese desaparecido totalmente. Posiblemente permaneza no poder para aquela porque, se hoxe non vemos as súas mentiras, non seremos quen de velas nunca máis.

1/4/09

Iconografía do liderado


O culto á imaxe vén sendo desde hai décadas unha máxima nas nosas sociedades occidentais. De sempre, o ser humano tivo verdadeira obsesión por reflectir o que vía ou imaxinaba: primeiro foi na bóveda dunha caverna, logo nun lenzo, ata chegar á pantalla do pc. Pero nos tempos que vivimos, onde a oralidade ou as mensaxes escritas fanse insoportables para a meirande parte da poboación se duran máis duns minutos ou dunhas liñas (un dos motivos polos que Fidel acabou por se nos facer tan antipático e o seu discurso tan antediluviano) o emprego intelixente das iconas e da imaxe, constitúe un ben de incalculable valor engadido.

Os políticos e os seus asesores o saben desde hai moito. Non me vou referir ao manido debate televisado Nixon-Kennedy dos anos sesenta e a camisa branca do primeiro fronte a azul pálido do segundo, pero a historia recente está chea de imaxes fixas ou en movemento, que ilustran acontecementos importantes. Podemos probar a pensar no primeiro que nos veña á mente, como esa foto de Allende con casco de militar e fusil na man, para comezar a tirar do fío da nosa memoria, e os nosos coñecementos sobre o golpe do ano 73 en Chile aflorarán de inmediato. De feito, a min cústame centrarme nun personaxe histórico se non tiro da súa foto, cadro ou escultura. É inxusto, porque unha mala instantánea ou unha malintencionada representación artística pode marcar a un personaxe con valores que non tiña, ou deformar as nosas impresións sobre a súa personalidade apoiándonos excesivamente na imaxe que del temos. É moi inxusto porque houbo malvados e malvadas guapísimos e boa xente pouco agraciada (e xa sabemos o que nos soe influír esto á hora de valorar ás persoas) ou porque hai personaxes dos que só se conserva unha instantánea nunha determinada etapa da súa vida: sempre me custou horrores imaxinar ao personaxe autobiográfico de
Arredor de si na súa xuventude, por culpa da icona cáseque exclusiva que sempre apareceu nos libros dun Otero Pedrayo na súa senectude, por poñer un exemplo. Máis difícil aínda o temos con persoeiros da antigüidade dos cales non podemos nin intuír como eran fisicamente.

Vén todo esto a conta dos últimos acontecementos políticos a nivel planetario e autonómico. No primeiro caso, a icona, como non, é Obama. Teríao tan fácil este señor para acadar a popularidade que ten se fose, por exemplo, obeso? Porque Obama é negro, e un dos seus grandes méritos ten sido o de erixirse en presidente mundial a pesares de pertencer a unha etnia marxinada politicamente durante décadas nos EEUU. É negro, pero atractivo, e o segundo pesa moito máis ca o primeiro.

No plano autonómico, a reflexión que se me ocorre é a que me provocou ter visto estes días os carteis das pasadas eleccións. O sol deste estrano final de inverno tivo o efecto perverso de facer palidecer as facianas de Touriño e Quintana ata o punto de ofrecer un aspecto asténico, anémico, tísico... En fin, que quedaron en
. Tamén reparei nunha de Feijoo na que xa me fixara antes do 1M e mesmo calificara de pouco afortunada para un cartel. Nela ten un xesto que daquela me pareceu, simplemente, de panoli, pero no que agora intúo unha sonrisa seráfica. Terá cambiado motu proprio á vista dos resultados?

29/1/09

Volver

Hai xa cáseque catro meses que non publicaba nada. A vida faiche pasar por situacións que unhas veces che impiden falar porque non sabes ben que dicir, e a miúdo o mellor que se pode dicir é non dicir nada.
É duro volver, retomar o andado, erguerse tra-la caída. Pero volvemos. Salvando as distancias (siderais) o bo de Saramago estivo vinte anos sen publicar. Se cadra pasaba por un estado larvario e os seus escritos posteriores xa estaban aí, aínda que non saísen á luz pública. En fin, a vida...

En todo este tempo pasaron moitas cousas, principalmente o agravamento da crise que xa asomaba as orellas en setembro, anque algúns non llas quixeran ver. Mentiu o goberno? Mentiunos Zapatero? O certo é que nestas cuestións é sempre moi difícil demostrar a culpabilidade. Se os asesores gubernamentais non foron quen de ver a que nos viña enriba, certamente non son gran cousa como asesores. Se o sabían, sempre poden dicir que mentiron ou non dixeron toda a verdade, para non crear un clima de medo e desconfianza tan malo, como todos sabemos, para a economía. Algúns, parece que acaban de descubrir precisamente iso, que esta ciencia ten máis que ver co estado de ánimo que coas matemáticas. E isto lémbrame o que aconteceu con conceptos como o de intelixencia, noutros tempos vinculado cáseque en exclusiva ao cociente intelectual e hoxe moito máis relacionado coas emocións.
Eu diría que pouco a pouco, as cousas van indo ao seu sitio. Pensabamos, máis ou menos ata os anos setenta, que o desenvolvemento científico e tecnolóxico nos ía levar a poder catalogar os cerebros en base a puros coeficientes, o cal nos levaba a plantexar deseños educativos que casaban ben con esas teorías, pero que na práctica non acabaron por acadar logros educativos relevantes (conductismo). O mundo da empresa viu o ceo aberto porque para seleccionar aos mellores chegaría con, practicamente, premer un botón. Non foi así, nunca será así. Hay que engadir o factor humano, as emocións, o entorno...a vida.
No mundo da economía seica tamén pasou outro tanto: se se daban unhas premisas (practicamente matemáticas) o crecemento económico ía estar asegurado. O mercado libre se autorregularía e non precisaría de papá estado. A aparición en escena das chamadas novas tecnoloxías agrandou esta percepción (o estoupido da burbulla tecnolóxica foi, noustante, un aviso). Había que consumir, construír, asfaltar, edificar... O crecemento estaba garantizado ad infinitum, o cal a min, que non estudei economía e adoito saltar as páxinas en cor sepia do xornal, sempre me pareceu unha contradición, xa que vivimos nun sistema ecolóxico finito (así andamos agora). Non contabamos co factor humano e os comportamentos surrealistas aos que chegou o sistema financeiro, que xa se estaban a propiciar desde había tempo. E o sistema todo colapsou.
Pero eu agora veño de embaixo, das entranas do inferno, dos sumidoiros da vida... e non podo máis ca subir. Por iso penso que esta crise vai ser a que nos faga ver colectivamente que iamos mal, que non serve de nada amorear cartos se non desfrutamos do bo que temos na vida (normalmente ao noso carón e sen nos decatar), que non hai por que cruzar o planeta (e gastar un montón de combustible) para visitar o paraíso, que aforrar enerxía pode ser mesmo divertido, que ir tan rápido non nos leva a ningures...
Yes, we can... podemos contrariar e darlle a volta a esa intelixente sentencia que di que o cambio climático non é unha cuestión de futuro senón do pasado, e que xa non hai moito que poidamos facer. E anque non poidamos finalmente, estamos obrigados a intentalo. (Deus!, que discursos lle ía escribir eu ao Obama). Aquí andamos para o que faga falta.

18/9/08

Outra vez, setembro



Aproveitando os últimos días de sol deste verán que esmorece, faise unha coada para a roupa de inverno. No patio colgan mantas, cobertores... e os xerseis que vestiremos cando chegue a friaxe. Abanean na brisa liviá mentres, non moi lonxe, soan os martelos dos operarios arranxando un tellado protector de inevitables chuvias. É setembro, e en setembro non podo evitar o impulso de escribir. Han tardar en volver aqueles días longos e luminosos. O sol vai cada día máis baixo e os corvos graxean rachando o silencio. Eu déixome levar por un estado agradablemente melancólico, mentres xa sinto gañas de vestir eses xerseis dondos e gorecedores. Na miña cabeza soan os primeiros compases ao piano de September song de Kurt Weill...

29/7/08

Non hai praia

Hoxe tiven unha idea xenial (eso me pareceu entón, anque ben poidese quedar en estupenda) pero que agora non son quen de lembrar. Trato de facer ximnasia mental buscando nas periferias do meu cerebro algún indicio que me devolva a miña idea (non sei onde lin que era moi bo para evitar a senilidade tratar de retomar eses recordos que se nos van). Pero nada. Parece que por momentos fose lembrar a xenial ocurrencia desta mañá, e que nun intre estarei turrando dela como do fío solto dun vestido, que acadarei fío dabondo para tecer un artigo novo para a miña bitácora... mais nada, non volve, non me acorda. A ver se dándolle voltas...
Penso que poida que tivese que ver co tempo, xa que estes días aquí non se fala doutra cousa. Que se non hai verán, que se alá van non sei cantos días de vacacións... Eu dou en pensar cada vez máis que neste país temos un clima estupendo, xa se sabe, ni demasiado frío no inverno nin esa insoportable calor que non deixa durmir no verán. Poida que neste, en concreto, o tempo estea un pouco raro de máis, pero clima, o que se di clima, creo que non o hai mellor. E o tempo este, que queres que che diga?, tampouco o vexo eu tan malo. É certo que a min cada vez me gusta menos a praia (eu son dos de praia de mar aberto de cando en vez e sen estar todo o día aí tirado) e por iso non boto de menos días de sol. Pero non me digades que non está estupendo para facer excursións ou para pasear cunha chaquetiña ao lombo.
Non, definitivamente non era esta a xenial idea. A ver se mañá.

14/5/08

Perder a fe


Anque a min xa me resulta cada vez máis tedioso labor, de cando en vez toca darlle algo á política local que é a máis próxima e, con frecuencia, a máis perralleira, o mesmo que se soe dicir das guerras civís. Desta volta, semella que a retirada da política do que foi señor de Corcubión durante 25 anos, debería ser motivo de entendemento entre as forzas maioritarias (PSOE e BNG) xa que, se dous non se entenden cando un non quere, a marcha dun destes supón a chegada doutro que podería favorecer ese entendemento, a non ser que tampouco agora se queira e sigan sen entenderse, o cal xa non hai quen o entenda (entenden vostedes?). Eu tampouco.
De calquera xeito, as cousas xa non son como eran. Por unha banda, desaparece o referente de Mouzo, co cal os que perderan a fe por culpa del (o mesmo que se distancian da curia os realmente cristiáns) poden pensar que a renovación está por fin a chegar. Doutra, o suposto ánimo de vendetta do agora cabeza de lista do PSOE para se presentar como opción municipal desaparece, do mesmo xeito que parece que desaparece a terceira vía inviable do PP (non quedou mal o retrouso).
Nun fado que canta coma os anjos Ana Moura (sempre hai que recorrer ao portugués e aos fados para tentar de explicar o inexplicable) a namorada busca ao amado por toda a vila e non o atopa (No largo da bica fui-te procurar - Eu fui mesmo até à casa do fado - Mas tu não estavas em nenhum lado); láiase de que nunca un atopa o que quere cando o quere (Mas porque é que a gente não se encontra) para rematar sentenciando que talvez sem te procurar te veja passar. A ver se cun chisco (quero dicir, un pouco) de sorte é iso o que acontece na nosa vila e cos nosos representantes.
Hoxe, anque a tardiña está tristonha (como adoitan dicir tamén polas lusitanias) quero ver unha raiola de esperanza, que xa vai andada a primavera e eu levaba tempo sen escribir ren.

29/2/08

Onde van?

Cantaba Silvio (que Silvio vai ser? o Rodríguez, que con ese talento nunca precisou de apelido rechamante), cantaba digo, ou máis ben se preguntaba, adónde van las palabras. E iso mesmo facía eu o outro día tratando de lembrar palabras, locucións, retrousos que empregabamos de nenos ou escoitabamos dicir aos maiores.
Lembrei algún ben simpático como aquel
eccoli qua que adoitabamos dicir para expresar o noso asentimento. Supoño que, como tantas outras cousas na nosa vila, naqueles anos de autarquía franquista, chegou polo mar, como modismo empregado por algún que andou polas italias. Que, Manolo, seica fixeches unha campaña polo mediterráneo, oh? -Eccoli qua, contestaba Manolo, fachendeándose. E aquí ficou a frase. Moitos anos despois, cando xa se deixara de empregar, tiven ocasión de ir a Italia nunha viaxe inesquecible. Alugabamos unhas bicicletas un meu curmán e máis eu, cando, ao pechar o trato en aqueles milleiros de liras que nos facían escachar coa risa porque había sempre que lles quitar un cero para pasalos a pesetas, o encargado do negocio asentiu cun eccoli qua que fixo exclamar ao meu curmán viches o que dixo?, ao cal respondín eu todo entendido, anque, polo baixo non menos sorprendido ca el, claro, bobo, e que é unha expresión italiana.
E como non lembrar aquela resposta un tanto surrealista que dábamos a quen nos preguntaba polo que nos poñerían os Reis Magos, cando en realidade xa deixaramos de crer neles: un correquetecagas e unha levita. Nunca cheguei sequera a intuir de onde demo puido sair tal expresión, e nunca volvín escoitala.
Había algunha máis que agora xa non lembro, que agora ha de estar no limbo onde van as palabras que se esquecen, os retrousos que a xente deixa de dicir porque veñen outros que os desprazan ou, simplemente, porque morren ou dormitan agardando que alguén os veña resucitar nun texto coma este, condeado tamén a ese limbo se ninguén o chega a ler.

1/2/08

Ler como comen as galiñas


Adoito ler paseniñamente (encántame a musicalidade desta palabra pa-se-ni-ña-men-te) e penso que cada vez máis.

Hai moitos anos oín dicir ao mestre Tierno Galván que había que ler como comen as galiñas. Eu entendín que aquilo consistía en ler e recapacitar (baixar a testa e logo erguela, que é como fan as galiñas para que o gran pase pola gorxa), ler e reflexionar brevemente sobre o lido antes de pasar ao parágrafo seguinte. Así o procuro facer desde aquela.

Estes días relía on line Animal farm en versión orixinal para desenferruxar o meu inglés e disfrutar dun bo libro na mesma tirada. Polo camiño pensaba na faciana que debeu ir poñendo Orwell ao tempo que escribía esas pasaxes nas que os porcos desvirtúan as máximas orixinais da rebelión. Na táboa das leis onde dicía ningún animal matará nunca a outro animal, aparece un engadido que di sen motivo xustificado, logo de que se produzan as primeiras execucións sumarísimas. Eu podía ver, ao tempo que facía a miña tradución coa axuda do cómodísimo dicionario google, unha expresión de sarcasmo e mala uva no rostro sempiterno dun Orwell fotografado na miña memoria. Estábase a rir da revolución soviética que, con Stalin, perdía xa daquela o seu rumbo inicial. Demorei un pouco máis para tratar de verme a min mesmo, con dezaseis ou dezasete anos, lendo por vez primeira aquela noveliña que un malvado profesor de inglés nos enchufou como regalo envelenado para o nadal. Vinme moito máis novo, na casa dos meus pais, pelexando contra aquel texto con bastante máis dificultade do que agora, a golpe de dicionario Collins e moita imaxinación para empregar a axuda do contexto na miña torpe tradución. Teño o recordo dunha historia que aprehendín moito máis superficialmente. Daquela non era capaz de imaxinar o xesto irónico de Orwell porque tiña moitos menos datos sobre a revolución soviética, descoñecía que debaixo daquela fábula de animais había unha metáfora demoledora, ou tiña tanta présa por rematar e saír cos amigos, que non reparei nesas cuestións. Á fin e ao cabo tratábase de saber de que ía aquela historia para logo contestar as consabidas preguntas que testarían o noso nivel de comprensión lectora.

Penso que entón non desfrutei tanto da novela como o fixen desta volta. Daquela eu non escoitara aínda a frase de Tierno Galván e non sabía ler como comen as galiñas.

26/12/07

Nadal, aínda.


Na miña Vila hai un Belén moi bonito. Deses nos que o pescador está eternamente sentindo trabadas na cana e mesmo ten unha nube da que chove a auga que alimenta o río, e ben nos viría a nós este seco inverno. Ocórreseme que non estaría mal facer un Belén da vida real para mirarnos nel de vez en cando e ver o absurdos que con frecuencia resultamos; para ver a pinta de caricaturas que amosamos sen necesidade de que nos caricaturicen.
Pero é que eu teño unha tendencia natural á mirada absurda e surrealista. De sempre foron esas correntes que sentín moi preto da miña ideoloxía ou, cáseque mellor, da miña forma de ver a vida, que non soa tan dogmático. E, anque facer do surrealismo unha arte non é doado, cada vez me resulta menos difícil imaxinar situacións surrealistas cando observo o mundo real. Por exemplo, é escoitar a algún político falar (os da dereita soen funcionarme mellor para estes trances) e poñerme a velo baixo o prisma do absurdo. Non me dirán que a melena de Aznar, mesturada co seu bigotiño, mentres dá unha conferencia en Georgetown non é, xa en por si, puro surrealismo. Non quero nin imaxinar esceas privadas del e máis do seu amigo George. O malo é que esa xente ten o poder de matar xente e provocar máis miseria da que xa tiñamos, do contrario serían para escachar de risa. É por iso que prefiro observar o absurdos que poden chegar a ser personaxes máis cercanos e inofensivos para a saúde dos meus conxéneres.
O certo é que desde que sabemos que o futuro do planeta se nos está a ir das mans, todo parece aínda máis surrealista. Non é absurdo non ceder un ápice en temas como a soberanía dunha suposta nación que inventaron hai cento e pico de anos os iluminados que seguiron as teorías do Volkgeist? Non é absurdo tomalo todo tan en serio como para que un rapaz, que non nacera aínda cando morreu a ditadura, chegue a dicir frases do tipo mellor morto ca español? Que pode haber nesas cabeciñas senón moito odio irracional, orientado cara o eido da política como o puido ser cara o fútbol se lles tivese gustado? Por que unha bandeira, un himno, un escudo poden aínda ser motivo de liorta cando sabemos que, ou moito cambian as cousas, ou nos quedan catro días como especie?

5/12/07

Dun marabilloso mundo a un mundo perfecto

Cantaba Louis Armstrong, aló polos anos 60, What a wonderful world, unha balada empalagosa con frases tan ñoñas como evidentes do estilo vexo árbores verdes e rosas vermellas florecendo para min e para ti, e penso no meu interior: que mundo tan marabilloso! (Hai que ver o que perden moitos clásicos de ayer y hoy cando os traduces) Unha salvable melodía e o seu emprego en spots televisivos navideños, fixeron dela un grande éxito comercial. Eran tempos nos que a lírica estaba aínda permitida porque o mundo dos soños e as utopías aínda non nos escachara entre as mans. Eran os anos dos maios estudiantís nos que se prohibía prohibir, de psicodelia e hippismo, de revolucionarios aínda non deturpados estampados en camisetas gastadas, de revolucións de cravos vermellos e vilas morenas. Pero chegaron os malos tempos para a lírica, os oitenta, nos que caeron os muros pero tamén as utopías, os hippies se reconverteron en yuppies, e o neoliberalismo devorou ao neocomunismo. Logo, a revolución dixital dos noventa plantexou horizontes impensables e, aqueles que aínda conservabamos un cándido resquicio de inxenuidade, inauguramos o terceiro milenio pensando que os habitantes deste marabilloso mundo podiamos aínda ter un atisbo de salvación. Ata que chegou Bush.
Onte puiden ver nunha reportaxe sobre o día a día de Iraq, como un pai chegaba coa medicina que podía salvar a vida da súa filla agonizante, logo de pagar no mercado negro todo o que tiña, xusto a tempo para vela morrer. Fixo con ela, resignadamente, un vurullo de sabas e meteuna nunha caixiña de cartón. Ese hospital era, antes da guerra, un dos mellores nesa zona do planeta. Hoxe, os seus máis insignes médicos foron depurados por pertencer ao partido Baaz (igual que fixeron cos mestres republicanos tra-la nosa guerra civil) e carece de material para atender unha simple neumonía, a pesar dos milleiros de millóns de dólares que se di ter investido na reconstrución dese maltratado país.
Mentres, unha morea de norteamericanos e europeos, érguense nos seus confortables fogares domóticos e almorzan hipercaloricamente mirando algo banal no tv de plasma. Collen o seu todoterreo superpotente e megacontaminante para cubrir o traxecto que os levará ata o traballo, quizais un despacho decorado estilo zen nun edificio intelixente. A pesares dos oito graos de temperatura deste día de inverno, nese percorrido non baixarán duns acondicionados vinte graos primaverais. Acenderán o seu PC para botar unha ollada ao Dow Jones e pensarán, que mundo tan perfecto!

18/10/07

Outono


Outubro está a ser tan bonancible coma o seu curmán, setembro. Dá gloria ver aos xubilados paseando pola beiramar, disfrutando do seu persoal outono e máis destoutro que nos vén tan fermoso e de balde. Parece que ata o rum rum da política local está apaciguado, anque eu desconfío desta paz aparente xa que, á mínima, ha estoupar de novo o trebón das xenreiras eternas.
Sería un pouco absurdo que neste apacible mes volvesen retumbar os insultos, as palabras grosas, as descualificacións soeces e estériles. Dunha xenial película de Hitchcock que vin hai moitos anos Pero quién mató a Harry? recordo como fío argumental a aparición en plena campiña, exhuberante de cor e luz, dun cadáver do cal ninguén quere facerse cargo, xa que todo o mundo anda noutras lerias. Aquel contraste que urdiu o xenial mestre: un corpo humano sen vida no medio de tan bucólico marco natural, provocaba no espectador un desapego tal polo friame que acababas por prescindir do peso tráxico da súa morte para velo coma se fose un personaxe máis, escaso de diálogo, pero personaxe ao cabo. Se o trebón político estoupase nestes ventureiros días de outono habiamos tomalo a risa, que é o que teriamos que ter feito desde hai moito.

2/10/07

Noites de hospital

Pola noite, a planta do hospital é unha especie de cidade dentro doutra. É a vila dos doentes que loitan contra esa que algún día hanos levar a todos. Na penumbra dos cuartos, os leds verdes e amarelos dos aparellos son as nosas estrelas escintilantes. O rumor da auga na pipa de osíxeno é a fonte que dá vida a ese peito, a ese fol acompasado que soa paseniño. De cando en vez óese a voz de alguén que poida que soñe que xa veñen por el, que todo rematou, que xa é a hora... Pero non, aquí aferrámonos á vida máis ca os vivos de aí fóra, porque sabemos o preto que está o outro lado. As enfermeiras falan sen abouxar a voz porque a noite é o seu reino. Elas son quen teñen o control sobre as estrelas, elas son quen dominan os caudais das fontes e o impar artificial do noso vento. Quitan a dor e reintegran a esperanza todiñas de branco inmaculado, mentres asubía algún aparello que elas manexan con destreza, mecanicamente. Xa vén o día aí fóra. Xa vén a vida e o sol. Estamos todos para recibilo cos brazos abertos. Estamos todos.